AS SETE MORTES DE LEOPOLDO PARDO

DO CASO QUE LLE ACONTECEU

As sete mortes de Leopoldo Pardo. Trátase dun texto que precisaba escribir. Poñendo como intermediario ao (des)heroe Leopoldo Pardo, que nacera en Asasinato no Centro Comercial e A Morte Vén en chancletas, tento facer un retrato esperpéntico da realidade que nos circunda.

 

Decanteime por unha trama expositiva próxima ao thriller e próxima a Vicente Risco, Valle Inclán, Abraham Stocker ou Curros Enríquez (polo menos na miña mente) para contar a miña percepción sobre o rumbo que ao meu ver está collendo esta sociedade á que chaman occidental.

 

Leopoldo Pardo -Leopardo-, ex-presidiario e antigo vixilante xurado, traballa agora na cidade de Auria como axente de seguros da compañía Nationale Switzerland. Un día recibe un encargo especial dun cliente extravagante: asegurar sete obxectos paradigmáticos da cultura galega entre os que están a máquina de escribir de Blanco Amor ou a caveira de Breogán. Os sete obxectos están asociados a sete contravalores que rexen a sociedade actual e Leopardo deberá documentar graficamente a existencia deses antivalores para cobrar as primas das pólizas. Unha tarefa considerada fácil en primeira instancia… 

 

«"As sete mortes de Leopoldo Pardo" é unha das mellores obras do autor ourensán, na que se conxugan a ironía, un pouso tolo de obras de Vicente Risco e Curros Enríquez, e unha análise revelada da putrefacción nos comportamentos sociais de hoxe en día.» (Herminio Espada Gómez)

 

«Unha revisión moderna do "Divino Sainete", unha homenaxe secreta á novela "Drácula", chea de simbolismos e chiscadelas a dúas culturas: a galega e a popular. En definitiva, outra xanela aberta nas letras galegas.» (Francisco Roque Brito)

VIDEO PROMOCIONAL